O Concello de Vilalba comunica o "deplorable estado" do abastecemento na Pravia

TerraChaXa
O grupo de goberno do Concello de Vilalba lamenta o “estado deplorable” no que se atopa a rede de abastecemento e saneamento da rúa da Pravia, sen ningún tipo de mantemento en varias décadas.
12 Xan 2023

O grupo de goberno do Concello de Vilalba lamenta o “estado deplorable” no que se atopa a rede de abastecemento e saneamento da rúa da Pravia, sen ningún tipo de mantemento en varias décadas.

A empresa encargada dos traballos de renovación da rúa atopou nas últimas datas os entronques da rede xeral nun estado moi deteriorado, procedendo á renovación inmediata dos mesmos.

As obras de humanización da rúa deixaron en primeiro lugar ao descuberto que algunhas das tubaxes antigas eran de plomo. O Real Decreto 140/2003 recolle no seu artigo 20 a prohibición da presenza de plomo en augas subministradas a través dunha rede de distribución pública ou privada.

“Para a nosa sorpresa, detectouse que en numerosas acometidas atopáronse tuberías de plomo e tamén outras de fibrocemento, polo que lamentamos que non se atallara esta situación en toda a rúa nalgunha das ocasións nas que se levantaron beirarrúas e se fixeron obras”, explica o concelleiro de Urbanismo, Luis Fernández.

Agora, o avance dos traballos deixa ao descuberto o estado dos entronques da rede. Coas obras na rúa da Pravia porase fin a estes problemas. “Non se fixo ningún tipo de mantemento en moitos anos; de sabelo, teríamos actuado con anterioridade”, engade Fernández.

A renovación integral e humanización desta rúa inclúe novas canalizacións para o abastecemento de auga, solventando os problemas dunha instalación antiga, obsoleta, e que agora se sabe que co emprego de materiais xa prohibidos e que deberan terse retirado hai décadas.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, a candidata do PP de Vilalba á alcaldía, Sandra Vázquez, volve poñer enriba da mesa "os prexuízos que lle causa ao comercio local" a imposición da unidireccionalidade da rúa da Pravia por parte do goberno local socialista "que non está a escoitar a veciños nin comerciantes". "Se a mala planificación da obra por querer convertela en unidireccional por capricho dos socialistas estaba a prexudicar aos comercios da zona, aínda foi peor este Nadal -nunha das épocas de maior actividade para o sector comercial- coa zona en obras practicamente intransitable ao pasar varios días sen o asfalto da capa de rodadura. Deberíanse ter planificado as actuacións para outra época do ano que non fose en pleno inverno de forma que non estiveran en marcha durante un período de tempo tan longo que prolonga as molestias a veciños e comerciantes”, di.

A popular amosa a súa conformidade pola renovación das tubaxes da rúa; pero  lamenta que o goberno vilalbés gaste preto de 1 millón de euros nesta obra. É por iso polo que cre aínda máis “bochornoso” que o equipo de goberno dera orde ao persoal do Concello para actuar na zona, cando a obra está adxudicada a unha empresa privada.

“Os comerciantes advirten de que as vendas nos últimos meses descenderon entre un 35 e un 50% en relación aos anos anteriores”. A popular considera que “os comercios viven unha situación delicada que se agrava co incremento dos gastos pola crise relacionada coa guerra en Ucraína” e lamenta que o goberno local non lles estea a facilitar ningún tipo de apoio; a pesar de que o Grupo Municipal Popular propuxera en pleno a colaboración do Concello para desenvolver campañas ou algún tipo de actividade de dinamización económica”.

Ademais, “debido á mala comunicación e ao caos circulatorio pola dirección única da rúa da Pravia, os veciños das parroquias prefiren facer as súas compras e xestións noutras localidades con maiores facilidades de mobilidade”.

Vázquez cre que “estes datos poñen de manifesto que Vilalba vai a menos día a día ante a total pasividade do goberno local socialista”.

0.18198394775391