O Concello de Vilalba concedeu máis de 120 axudas para a compra de material escolar

TerraChaXa
Destínanse ao alumnado de Educación Infantil (3 a 6 anos) e o prazo para xustificar as axudas remata o 1 de outubro
Imaxe de arquivo de material escolar infantil
13 Sep 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de informar da resolución das axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado de Educación Infantil, das que se beneficiarán nesta ocasión 121 familias vilalbesas.

Unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes e comprobado o cumprimento das bases, o concello resolveu favorablemente a concesión destas 121 axudas para a adquisición de material escolar do alumnado de 3 a 6 anos, o que supón un investimento de 9.900 euros con cargo ás arcas municipais.

“Medra con respecto ao ano anterior o número de familias de Vilalba que se benefician destas axudas”, asegura a alcaldesa, que explica que se trata “dunhas axudas que xurdiron para cubrir os gastos de material escolar dunha franxa de idade que non conta con achegas de ningunha outra administración”.

A contía de ditas axudas divídese en dous tramos, 75 ou 100 euros, dependendo da renda per cápita das familias solicitantes, e o prazo para xustificalas remata o 1 de outubro.

“As familias poderán investir estas axudas na compra tanto de libros de texto como de calquera outro material escolar, incluídos por exemplo os mandilóns; o que deben lembrar é que teñen que xustificar os gastos sempre mediante factura”, engade Marta Rouco.

Listado de beneficiarios/as no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba: https://vilalba.sedelectronica.es/board

⚙ Configurar cookies
0.08994197845459