O Concello de Vilalba contará cunha axuda para auditar o servizo de abastecemento de auga

O Concello de Vilalba vén de recibir a resolución favorable por parte de Augas de Galicia para a concesión de 14.758,13 euros destinados á realización de auditorías sobre o sistema de abastecemento de auga municipal.
Dito proceso de análise permitirá elaborar plans de actuación para minimizar as perdas de auga. Nesa liña, “para reducir e mesmo neutralizar as perdas de auga será necesario obter outras axudas de abastecemento por parte de Augas de Galicia que nos permita facer unha nova captación”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Rouco amosouse “satisfeita por acadar esta axuda tan necesaria que nos permitirá analizar con detalle o noso sistema de abastecemento; parte fundamental do ciclo da auga na nosa vila co que nos comprometemos dende a nosa chegada ao goberno local”.
Nese sentido, o Concello de Vilalba “amosou sempre a urxencia de que a Xunta de Galicia investira no ciclo da auga da nosa vila, posto que as instalacións actuais son notoriamente insuficientes para asegurar a demanda e as necesidades crecentes de subministro do concello, fundamentalmente as do polígono industrial”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Así, o primeiro paso será levar a cabo as auditorías destinadas a detectar as perdas de auga para logo “intentar conseguir fondos por parte de Augas de Galicia que nos permitan mellorar o sistema de abastecemento e facer unha nova captación de auga”.
Pola súa banda, o Concello de Vilalba tamén vén de ser seleccionado para participar no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, é dicir, na fase previa á súa distribución aos fogares.
Grazas a esta participación, Vilalba formará parte dunha rede pioneira que mellorará a eficiencia, o control e a seguridade da subministración de auga potable.
As novas estacións dixitais facilitarán a detección temperá de incidencias, optimizarán o uso dos recursos hídricos e contribuirán a unha xestión máis sostible e moderna da auga, en beneficio de toda a cidadanía.
“Unha selección que demostra que o noso Concello cumpre cos criterios técnicos, económicos e de experiencia necesarios; ao tempo que supón un recoñecemento á capacidade para traballar en proxectos innovadores no ámbito da auga e a transformación dixital” concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.