O Concello de Vilalba convoca o concurso de Samaín
O Concello de Vilalba presenta o III Concurso de Samaín Pinta e crea a túa cabaza de Samaín, impulsado dende a concellería de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.
O certame abrangue tres categorías: infantil , ata os 12 anos; adulto, dende os 13 anos; e artística, que inclúe todas as idades. Os participantes poderán presentarse na categoría que lles corresponda por idade e na categoría artística, cunha cabaza por categoría.
As inscricións poden tramitarse dende hoxe ata o próximo 23 de outubro de 2022, a través da sede electrónica do concello. Tamén se pode tramitar presencialmente no rexistro do concello, en horario de 9.00 a 14.00.
Como novidade, nesta edición un xurado profesional decidirá as tres mellores cabazas en cada categoría. O xurado valorará as cabazas en función do uso de materiais reciclados, a orixinalidade e creatividade, a dificultade, a relación co Samaín e, no caso da categoría infantil, a autonomía na elaboración e a presentación. O xurado concederá tres premios por categoría de 100, 75 e 50 euros.
Ademais, como noutras edicións, a cidadanía de Vilalba poderá votar pola súa cabaza favorita. Deste modo, a cabaza máis votada polo público en cada categoría recibirá un premio de 50 euros.
Na edición deste ano, o Concello de Vilalba aumentou a contía económica dos premios, que ademais serán entregados en metálico (aboaranse na conta bancaria indicada), en vez de premiar con vales regalo.
As cabazas entregaranse para o concurso próximo 30 de outubro, quedando expostas na Praza da Constitución de 12:00 a 17:00. Neste tempo, a cidadanía poderá achegarse para votar pola súa preferida. Unha vez rematado o reconto de votos popular e do xurado, entregaranse os premios. Na categoría infantil todos os participantes que non resulten premiados recibirán un pequeno agasallo.
Tras a entrega de premios, a compañía Assircópatas ofrecerá o espectáculo Abracadaver. Ademais, o Concello de Vilalba anuncia unha sorpresa para o público asistente ao evento.
O Concello anima á cidadanía a participar neste certame, ben coas súas cabazas ou votando pola súa favorita. Ademais, recórdase que é posible asistir con disfraces para celebrar o Samaín.