O Concello de Vilalba convoca unha manifestación pola defensa dos servizos no centro de saúde

O Concello de Vilalba convoca unha concentración en defensa do centro de saúde de Vilalba o vindeiro xoves 9 de xaneiro, ás 12:00 horas, fronte ás instalacións sanitarias.
Trátase dunha iniciativa acordada por consenso de todos os grupos políticos con representación na corporación municipal, que decidiron deixar a un lado as cores políticas para facer unha chamada conxunta á cidadanía ante a situación crítica que atravesa o servizo.
O obxectivo da concentración é defender un dereito fundamental como é o dereito á saúde e reclamar unha atención sanitaria pública digna, de calidade e con persoal suficiente para atender ás necesidades reais da poboación vilalbesa.
Desde o Concello faise un chamamento a toda a veciñanza para que participe nesta mobilización, coa vontade de que toda a poboación se sinta representada e se anime a apoiar unha reivindicación que afecta ao conxunto do municipio.
O centro de saúde de Vilalba leva anos arrastrando numerosos problemas derivados da falta de persoal, unha situación que lonxe de mellorar foi agravándose co paso do tempo. Na actualidade, dos 11 cupos de médicos de familia, 4 permanecen sen cubrir tras a xubilación dos profesionais
titulares, o que provoca continuos atrasos na atención, dificultades para conseguir cita e longas listas de agarda para a veciñanza.
A esta situación súmase a eliminación das especialidades de xinecoloxía e reumatoloxía, obrigando aos pacientes a desprazarse a outros centros para recibir atención especializada. No caso de enfermería, o escenario é similar ao da medicina de familia, xa que as ausencias por baixas ou días libres non se cobren, o que repercute directamente na calidade asistencial.
Especialmente preocupante é tamén a situación do servizo de pediatría, que leva meses sendo denunciada pola veciñanza. Na actualidade, dous profesionais de pediatría están de baixa e só se cobre un único cupo, ben pola mañá ou con xornada prolongada, pero sempre cunha soa persoa. Esta realidade está a provocar que algunhas familias mesmo se vexan obrigadas a acudir á sanidade privada para poder atender aos seus fillos e fillas.
Desde o Concello de Vilalba insístese en que estamos a falar da saúde das persoas, dun dereito básico que debe estar garantido con medios humanos e materiais suficientes. A falta de persoal no centro de saúde non é unha cuestión menor: pode ter consecuencias moi graves e supón unha situación de profunda irresponsabilidade por parte das administracións competentes.
Por todo iso, o Concello anima á cidadanía a participar na concentración do 9 de xaneiro, como mostra de unidade, responsabilidade e compromiso coa defensa dun servizo público esencial para Vilalba e para toda a súa comarca.