O Concello de Vilalba creará unha comisión para honras, distincións e memoria democrática
O pleno ordinario que se celebrará hoxe na Casa Consistorial de Vilalba ás 18 horas abordará a creación dunha comisión informativa especial de honras, distincións e memoria democrática. Unha cuestión sobre a que o goberno local levaba meses traballando e coa que pretenden "escoitar a voz de todos e buscar o maior consenso posible", explicou a rexedora, Marta Rouco.
Dita comisión informativa, que estará formada por representantes de todas os partidos políticos que conforman a corporación local, terá diversas funcións encamiñadas a cumprir a Lei de Memoria Histórica e tratar novas propostas de honras e distincións. Para iso, revisarase o rueiro do casco urbano e aqueles bens públicos con referencias e simboloxía franquista que aínda permanecen no municipio.
"Temos múltiples referencias a persoas destacadas da época franquista que é preciso revisar, Vilalba non pode ser unha excepción no cumprimento da Lei de Memoria Histórica", sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que ademais explicou que "a comisión informativa tamén ten por obxecto analizar as propostas de novas honras e distincións, escoitando a opinión dos propoñentes e permitindo que determinados bens públicos ou monumentos leven o nome de persoas destacadas do noso municipio ou da contorna".
Así pois, a comisión informativa estará aberta á participación de persoas expertas na materia que poida achegar información relevante á hora de analizar a simboloxía franquista ou tomar determinadas decisións tanto na retirada de honras e distincións como na proposta de outras novas.
OUTROS ASUNTOS
A convocatoria do Pleno tamén inclúe outros puntos como a proposta da Alcaldía relativa aos festivos locais no municipio vilalbés para o ano 2025, sendo estes o martes de Carnaval, 4 de marzo, e o 1 de setembro, coincidindo este coa festividade local de Santa María.
"Ao ser domingo o 31 de agosto, día de San Ramón, decidimos mudar esa festividade ao martes de Carnaval", explicou a rexedora, Marta Rouco, sobre a proposta de días festivos que, previsiblemente, quedará aprobada esta mesma tarde na sesión plenaria.