O Concello de Vilalba dará axudas directas aos comerciantes máis perxudicados pola pandemia
O Concello de Vilalba dará axudas directas aos comerciantes do municipio máis perxudicados pola pandemia do coronavirus e repartirá bonos de compra entre os veciños e veciñas para reactivar o sector.
Estas foron dúas das medidas expostas pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira Marta Rouco na reunión mantida onte pola noite na Casa da Cultura con representantes da asociación de comerciantes. Nas próximas datas haberá máis encontros para informar das iniciativas a outros establecementos do concello.
As axudas directas, que se concretarán cando o concello coñeza o remanente municipal do exercicio 2019, serán para aqueles establecementos que sufriron máis perdas nos últimos meses. Os criterios de adxudicación estarán definidos nas bases da convocatoria. Os bonos de compra serán de 30 euros para todas as persoas empadroadas en Vilalba
As medidas explicadas na reunión de onte únense a outras recentes como o programa ‘Compite Vilalba’, un plan de formación e asesoramento individualizado dirixido ao comercio local co obxectivo de dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade. Participaron nel máis de 80 pemes e autónomos.
“O comercio é un sector prioritario en Vilalba e o concello é moi consciente das dificultades polas que pasou, derivadas da crise sanitaria e económica do coronavirus”, asegura a alcaldesa, Elba Veleiro, “polo que tomaremos as medidas que fagan falta para reactivar o consumo e a economía local”.
Tamén está en marcha agora mesmo a campaña ‘D’compras por Vilalba’, cunha aplicación para móbiles de uso moi sinxelo coa que os veciños e veciñas poden comprar nos establecementos adheridos á plataforma e acumular puntos para canxear por agasallos, que son unha aportación dos comercios participantes.