O Concello de Vilalba denuncia que a Xunta non tramita as solicitudes das terrazas
O Concello de Vilalba denuncia a desidia da Xunta de Galicia para tramitar as licenzas de terrazas nos locais de hostalaría situados en zonas de afectación ou próximas ao Camiño de Santiago no municipio.
Dende o goberno local explican que determinados hostaleiros que solicitaron ao Concello de Vilalba colocar unha terraza no seu establecemento deben solicitar tamén á Xunta de Galicia o permiso correspondente, xa que están nunha zona de afectación do Camiño de Santiago ou próximos a esta área. Non obstante, dende o goberno local expresan que a Xunta de Galicia non está a resolver estas solicitudes, provocando que non sexa posible instalar as terrazas.
O Concello de Vilalba recalca que malia que existe unha ordenanza municipal que regula detalles das terrazas, como por exemplo as medidas ou o tipo de mobiliario, a Xunta de Galicia tamén ten competencias neste eido dada a proximidade do Camiño de Santiago. Polo tanto, malia que o Concello de Vilalba resolve as solicitudes respecto das terrazas, sen a correspondente autorización da Xunta de Galicia non é posible instalalas.
“Temos polo menos 8 terrazas sen recibir contestación por parte da Xunta, nalgún caso solicitadas dende o 1 de xullo, provocando que no centro da vila os hostaleiros non poidan instalar as súas terrazas”, subliña Luis Fernández, concelleiro de Urbanismo de Vilalba.
O contexto sanitario provoca ademais que as terrazas sexan esenciais para o desenvolvemento económico do sector, dadas as actuais restricións de aforos. Dende o Concello de Vilalba recordan que o goberno local xa suspendeu as taxas das terrazas, co obxectivo beneficiar ao sector nun momento delicado. Porén, recalcan que a Xunta está a prexudicar á hostalaría do municipio, en lugar de dar unha resposta áxil e rápida.
“A Xunta está demostrando ser unha administración incapaz de resolver estes expedientes, a pesar de que nunha situación crítica como a do covid-19, cómpre darlle prioridade a un sector moi prexudicado”, sinala o edil.