O Concello de Vilalba e a Asociación de Criadores de Capón presentaron a Feira do Capón

TerraChaXa
A Feira do Capón de Vilalba chega a esta edición cun novo recoñecemento: o premio Lugo Cambia na categoría '…E para comer, Lugo'
presentación-Capón-de-Vilalba-2024
1 Dec 2024

O Concello de Vilalba e a Asociación de Criadores de Capón presentaron a edición deste ano da Feira do Capón, que se celebrará o vindeiro sábado, 21 de decembro, cos tradicionais premios e degustación gratuíta do manxar chairego.

O acto de presentación celebrouse no Hotel Spa Attica 21 de Vilalba, onde a alcaldesa, Marta Rouco, salientou a longa traxectoria da Feira do Capón na capital chairega e “a gran relevancia cultural e tradicional que leva o nome do noso concello máis aló das nosas fronteiras”.

Ademais, a Feira do Capón de Vilalba chega a esta edición cun novo recoñecemento: o premio Lugo Cambia na categoría '…E para comer, Lugo' que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e o seu valor cultural.

Nesa liña, Rouco salientou “o sólido compromiso da Deputación de Lugo co noso municipio, pois como cada ano contaremos coa colaboración do ente provincial para poder levar a cabo a nosa Feira do Capón”.

Pola súa banda, o goberno local “enviou xa a documentación necesaria á Xunta de Galicia para conseguir a súa declaración como de Festa de Interese Turístico de Galicia, atopándonos agora á espera de resposta do goberno autonómico”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

En canto á programación da Feira do Capón, abrirase a cita ás 10.00 horas na Praza da Constitución para logo, ás 11.30, facer entrega dos tradicionais premios, da man da xornalista vilalbesa María Lamela. Ademais, esta edición tamén contará con degustación gratuíta de capón de 12.30 a 14.00 ou ata esgotar existencias.

Tampouco faltará a nota musical na cita. A charanga Brassica Rapa será a encargada de animar a Feira do Capón durante a mañá do vindeiro sábado, 21 de decembro, na Praza da Constitución. Unha actuación enmarcada no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).

Finalmente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quixo “convidar a todos e todas a que se acheguen a Vilalba o vindeiro 21 de decembro para gozar dunha das citas máis destacadas no calendario vilalbés, para coñecer a nosa gastronomía e tradición”.

0.16775417327881