O Concello de Vilalba e Entrepinares renovan a colaboración para as actividades lúdicas

TerraChaXa
O acordo inclúe o financiamento dos días infantís das festas patronais, a festa de Samaín e diversas actividades nas parroquias e no casco urbano que se incluirán na programación de Nadal
renovacion-acordo-entrepinares
16 Jul 2025

O Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares veñen de anunciar a renovación do seu acordo de colaboración para, un ano máis, levar a cabo diversas actividades lúdicas e recreativas dirixidas a nenos e nenas na capital chairega.

Así o confirmaron no día de hoxe, logo dunha xuntanza mantida entre a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, o Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines e o director da fábrica en Vilalba, Javier Gato.

“Desde o Concello renovamos con ilusión este acordo que permitirá seguir ofrecendo actividades lúdicas e recreativas pensadas para os máis pequenos. Investir na infancia é investir no presente e o futuro do noso municipio, e esta colaboración faino posible” afirmou agradecida a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

O acordo de colaboración entre o Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares seguirá a liña da pasada anualidade. A empresa vallisoletana patrocinará os días infantís das festas de San Ramón e Santa María, que se celebrarán os días 2 e 3 de setembro con inchables, simuladores, festa da espuma e o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.

“Estamos agradecidos de poder estar aquí un ano máis para renovar o acordo de colaboración para o patrocinio das festas infantís de Vilalba. Para Queserías Entrepinares é un orgullo contribuír á sociedade, renovar este acordo e participar activamente co Concello na preparación das festas parécenos unha responsabilidade coa contorna no que estamos”, sinalou ou Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines.

Ademais, o Grupo Entrepinares tamén financiará as actividades incluídas na festa do Samaín: inchables, túnel do terror, filloeiras de Muimenta e concurso de cabazas. Así como múltiples propostas incluídas na programación de Nadal do Concello de Vilalba: as festas infantís nas parroquias e a visita de Papá Noel; que incluirán inchables, obradoiros, música e doces, entre outras.

A nosa aposta por Vilalba e en Galicia é clave e queremos seguir crecendo aquí. Para iso, necesitamos máis persoas para desenvolver os proxectos que veñen. Do mesmo xeito, a nosa intención segue sendo ter unha presenza activa na comunidade e coa sociedade vilalbesa e achegar entre outras cousas, con este acordo, que queremos que sexa a longo prazo”, concluíu García Bejines.

⚙ Configurar cookies
0.11417293548584