O Concello de Vilalba entrega os premios do concurso de escaparates de Nadal

A concelleira de Comercio, Mª Xosé Fernández, presidiu o acto de entrega dos premios do Concurso de Escaparates organizado polo Concello de Vilalba, unha iniciativa destinada a poñer en valor o comercio local e a incentivar a creatividade dos establecementos da vila.
No acto participou tamén o xurado encargado de avaliar as propostas presentadas, integrado pola artesá Lourdes Otero, o artista plástico Antonio Guntín e a creadora artística Isabel Pardo Martínez. O xurado destacou o alto nivel dos escaparates participantes e a diversidade de propostas exhibidas.
Para a valoración de cada escaparate tivéronse en conta criterios como a creatividade, a orixinalidade e a complexidade da composición, así como aspectos relacionados coa artesanía, o deseño, a calidade, o atractivo comercial e a adecuación da decoración ao produto posto á venda.
Tras a avaliación das diferentes propostas, o primeiro premio, dotado con 600 euros, foi para o establecemento A Picouza. O segundo premio, con 400 euros, recaeu en Ben Pasteleros, mentres que o terceiro premio, dotado con 200 euros, foi para Estética Sandra Carballeira. Ademais, o premio especial ao escaparate máis votado nas redes sociais, cunha dotación de 100 euros, foi para Carber.
Desde o Concello de Vilalba trasladaron o seu agradecemento a todos os establecementos participantes pola súa implicación e esforzo, subliñando a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar o comercio local e contribuír á vida económica e social da vila.