O Concello de Vilalba gaña un contencioso á Xunta e recupera 162.000 euros

TerraChaXa
Recoñece a obriga da Xunta a abonar a cantidade que lle correspondía das obras de renovación da rede de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes
auga-zona-calvario-e-os-pepes
12 Apr 2025

O Concello de Vilalba recuperará os 162.000 euros que lle correspondían do Fondo de Compensación Ambiental do ano 2020 logo do fallo favorable do Tribunal Superior de Xustiza ao recurso contencioso-administrativo presentado polo goberno local.

Dito importe, que a Xunta de Galicia tería que ter aboado fai case 4 anos ao Concello de Vilalba, corresponde ás obras de renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes.

“A Xunta de Galicia negoulle ao Concello o cobro da subvención, unha situación completamente inxusta e contra a que decidimos actuar pola vía xudicial”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, ao que engadiu que “o desprezo da administración autonómica cara Vilalba chega ao punto de negarnos diñeiro que nos corresponde e que nos fora concedido nunha subvención”.

En consecuencia, o Concello de Vilalba executou as obras e “evidentemente tivemos que pagalas; ante esta situación tivemos que facelo con diñeiro das arcas municipais porque a Xunta de Galicia se negou a abonarnos a parte que lle correspondía” salientou Rouco.

Agora, a sala do contencioso-administrativo recoñece a obriga da Xunta de Galicia a abonar ao Concello de Vilalba os 162.795,24 euros correspondentes á parte da obra de renovación da rede municipal de abastecemento de auga executada e xustificada no prazo establecido, así como ao pago dos intereses que correspondan.

“Estamos satisfeitos porque recuperamos o que era dos vilalbeses e vilalbesas, un diñeiro público que nos correspondía e que a Xunta de Galicia pretendía negarnos”, concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, ao que engadiu que “non debemos esquecernos que neste caso, as subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndennos por ser un municipio no que hai instalados xeradores eólicos”.

0.17177319526672