O Concello de Vilalba impulsa melloras viarias no rural para facilitar o acceso ás explotacións

O Concello de Vilalba continúa a avanzar na mellora das infraestruturas viarias do rural coa posta en marcha de novas actuacións destinadas a facilitar os accesos ás explotacións gandeiras e ás vivendas, atendendo así demandas históricas da veciñanza.
Unha das próximas intervencións realizarase no barrio de Vilate, na parroquia de Lanzós, onde se acometerán obras na vía de acceso desde a estrada LU-P-6502 para dar resposta ás necesidades da granxa avícola da zona e das casas colindantes. Ademais desta actuación, o Concello prevé acometer a rexeneración da vía de acceso aos barrios de Bichicán e O Carballal, así como do tramo que comunica O Touriño co Sisto.
A estas melloras súmase unha nova obra anunciada na parroquia de Corvelle. Trátase da pavimentación da vía de acceso ao barrio de Mouriz, desde a estrada que conecta Corvelle con Samarugo, unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas da zona. Os traballos, que se iniciarán a comezos de 2026, consistirán na pavimentación de todo o tramo mediante dobre rega asfáltica, cun investimento de 7.696,39 euros.
Desde o Concello de Vilalba avanzan tamén que están a piques de anunciar a renovación completa da estrada xeral que vai desde a igrexa de Corvelle ata o seu límite coa parroquia de Samarugo, o que suporá un novo impulso á mellora da rede viaria municipal e á calidade de vida no rural.