O Concello de Vilalba impulsa un Centro de Procesamento e Transformación do Mel na antiga Escola da Pedragosa

TerraChaXa
O proxecto tamén contempla melloras nas instalacións, como a colocación dun pavimento multicapa antiescorregadizo apto para uso industrial e a instalación dun moderno lavadeiro industrial
renda-serra-da-carba
26 Feb 2026

O vicealcalde, Modesto Renda, presentou hoxe un pioneiro proxecto para a creación dun Centro de Procesamento e Transformación do Mel que permitirá ás produtoras e produtores locais procesar o seu produto de maneira totalmente gratuíta e sen necesidade de realizar investimento propio en maquinaria.

A iniciativa contempla a rehabilitación integral da antiga Escola da Pedragosa, na parroquia de San Simón, co obxectivo de convertela nun moderno centro de transformación dotado con equipamento de última xeración. Entre a maquinaria prevista inclúese unha desoperculadora automática, un madurador calefactable de 70 litros, un cerificador con capacidade para 20 cadros, un extractor eléctrico de seis cadros, unha envasadora premium con soporte e un banco de decantación para o filtrado do mel.

O proxecto tamén contempla melloras nas instalacións, como a colocación dun pavimento multicapa antiescorregadizo apto para uso industrial e a instalación dun moderno lavadeiro industrial. Ademais, pintarase toda a zona de actuación, renovaranse as luminarias substituíndoas por tecnoloxía LED e mellorarase a accesibilidade mediante a ampliación da actual rampla en formigón desactivado e a colocación dunha varanda de aceiro lacado, eliminando así as barreiras arquitectónicas existentes.

Segundo explicou Renda, o Concello vén de presentar a documentación necesaria para optar ao programa de axudas para “Proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos” da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Co obxectivo de cumprir cos criterios esixidos na convocatoria, o centro incorporará tamén servizos complementarios como un aparcabicicletas para fomentar a mobilidade sostible, un colector de aceite usado para favorecer a reciclaxe, un Punto Verde para a recollida de pilas, tapóns, lámpadas e pequenos aparellos electrónicos, así como a mellora da sinalización da parroquia nas zonas adxacentes.

O investimento total previsto ascende a 38.700 euros. A Vicealcaldía subliña que esta actuación busca contribuír a complementar as economías familiares, reforzar o sector apícola local e xerar novas oportunidades de desenvolvemento e emprego no rural.

0.12979698181152