O Concello de Vilalba impulsa un novo curso das escolas deportivas municipais "referentes no fomento do deporte"

TerraChaXa
O Concello de Vilalba como "referente comarcal, provincial e autonómico no fomento da actividade física" pon en marcha as Escolas Deportivas para o curso 17/18 coa oferta dunha ducia de actividades dirixidas, principalmente, a maiores de 5 anos.
pres ed1718
15 sep 2017

O Concello de Vilalba como "referente comarcal, provincial e autonómico no fomento da actividade física" pon en marcha as Escolas Deportivas para o curso 17/18 coa oferta dunha ducia de actividades dirixidas, principalmente, a maiores de 5 anos.

Trátase de Zumba -a partir de 12 anos-, baloncesto, fútbol, fútbol sala, iudo -a partir de 3 anos-, loita olímpica - tamén a partir de 3 anos-, ioga -a partir de 12 anos-, tenis, tenis de mesa, triatlón -a partir de 7-, ximnasia rítmica -a partir de 4 anos- e Pilates - a partir de 12 anos-. Repítense polo tanto as propostas deportivas do ano pasado cando as Escolas Deportivas contaron con máis de 700 alumnos e alumnas.

Así, o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, recorda o interese dos veciños e veciñas nestas actividades; ademais de destacar esta oferta deportiva que contribúe ao desenvolvemento social do municipio. Ademais, Baamonde indica que "o Concello de Vilalba foi pioneiro no impulso das escolas deportivas alá polo 1991" lembrando ademais as distintas instalacións deportivas que supoñen un esforzo ao Concello de cara ao seu mantemento. De feito, estanse a acometer obras na piscina municipal e tamén se levou a cabo a mellora do parque acuático. Igualmente, as pistas de tenis precisan unha mellora completa da súa superficie. Iso, segundo o alcalde, "é sinal de que se fai uso destas instalacóns".

As actividades darán inicio o 9 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2018. Os horarios e espazos de desenvolvemento de cada actividade pódense consultar no portal web do Concello de Vilalba.

Inscricións
O prezo das Escolas Deportivas 17/18 será de 90 euros por alumno ou alumna e actividade para os empadroados no municipio e 180 para aquelas alumnos e alumnas de fóra.

O primeiro prazo de inscrición abre o 18 de setembro e pecha o 29 deste mesmo mes. O segundo prazo comprende entre o 15 e o 26 de xaneiro de 2018. Así mesmo, establécese un prazo do 16 ao 31 de outubro e do 15 ao 31 de xaneiro para darse de baixa con dereito á devolución íntegra da matrícula, no primeiro caso, e con dereito á devolución do 50%, no segundo.

As inscricións pódense formalizar na oficina de deportes e no rexistro do Concello de Vilalba en horario de nove da mañá a dúas da tarde facendo entrega do formulario cuberto na súa totalidade e o certificado de conta bancaria.

0.14730978012085