O Concello de Vilalba incluirá as subvencións ás festas das parroquias no orzamento

TerraChaXa
Solicitará á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Capón
fogos-artificiais-festas-patronais
Fogos
31 Xul 2024

O Concello de Vilalba celebra mañá, xoves 1 de agosto, pleno ordinario e entre os puntos da orde do día está a modificación dos orzamentos do 2024 para incluír as subvencións nominativas que recibirán as comisións das festas das parroquias.

O pasado mes de abril, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que se comprometera persoalmente a solucionar esta demanda veciñal, reuniuse co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para pedirlle a colaboración da institución provincial.

Días máis tarde, a Xunta de Goberno provincial aprobou a colaboración entre ambas institucións, polo que as comisións de festas vilalbesas recibirán, tal e como viña acontecendo en anos anteriores, as subvencións nominativas do concello para facer fronte aos gastos dos festexos.

O acordo acadado dende a alcaldía coa Deputación permitira outorgar 1.200 euros á comisión de cada parroquia, máis dúas festas entrealdea.

“Son axudas moi importantes, que sempre se deron e mentres eu estea na alcaldía traballarei para que se sigan concedendo, porque manter vivas as nosas tradicións e as festas patronais das nosas parroquias é fundamental para dinamizar o noso concello”, sostén Marta Rouco.

Feira do Capón

O Concello de Vilalba solicitará á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Capón.

“É unha das grandes citas do ano, unha referencia en toda España, e merece esta declaración”, engade a alcaldesa de Vilalba. O próximo pleno solicitará o mesmo recoñecemento para a Feira do Queixo de San Simón da Costa.

0.18953084945679