O Concello de Vilalba incorpora unha plataforma elevadora para mellorar os traballos municipais

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Fernández, asistiron á recepción dunha nova plataforma móbil elevadora que se incorpora á maquinaria municipal do Concello de Vilalba.
O investimento total ascende a 36.958,24 euros. A plataforma conta cunha altura de traballo de ata 16 metros, o que permitirá realizar con maior seguridade e eficacia diferentes labores en altura, como a poda, o mantemento do arborado e actuacións ambientais.
A nova adquisición permitirá, ademais, traballar de forma combinada coa biotrituradora e co vehículo eléctrico polivalente adquiridos recentemente. A plataforma facilitará a poda; a biotrituradora triturará os restos in situ, que se cargarán no depósito do vehículo eléctrico polivalente.
Deste xeito, o Concello optimiza os recursos municipais e avanza na modernización da súa maquinaria, co obxectivo de ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades do día a día.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou: 'Con esta nova adquisición seguimos mellorando os medios cos que contan os nosos traballadores municipais para facer o seu labor de forma máis cómoda e eficaz'. Ademais, subliñou: 'Cada nova incorporación de maquinaria supón un paso adiante na modernización dos servizos públicos e, polo tanto, na mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas'.