O Concello de Vilalba inicia o programa de dinamización rural 17/18

TerraChaXa
O Concello de Vilalba pon en marcha o programa de dinamización rural 17/18 co que achegar actividades culturais, deportivas, lúdicas, cursos formativos e outras accións.
Casa do Concello de Vilalba
2 Dec 2017

O Concello de Vilalba pon en marcha o programa de dinamización rural 17/18 co que achegar actividades culturais, deportivas, lúdicas, cursos formativos e outras accións.

A iniciativa pretende dotar ás parroquias do rural dunha maior e mellor dotación de servizos de formación, ocio e tempo libre "que se sumen ás distintas actividades que xa desenvolven cada unha delas". Con todo, o alcalde afonda na posta en marcha deste programa aprobado en pleno co obxectivo de "mellorar as relacións sociais entre os veciños e veciñas da parroquia, sobre todo, entre aqueles de maior idade".

Nese sentido, desenvolveranse entre este mes de decembro e o mes de maio do 2018 ata unha vintena de actividades gratuítas dun total de 30 horas que se desenvolverán en colaboración con distintas asociacións culturais e de veciños. Trátase de propostas de actividades manuais, psicoloxía e benestar sociocomunitario, actividade física, actividades na natureza, informática e novas tecnoloxías e gastronómicas que foron adxudicadas en seis lotes. O orzamento completo ascende a 34.000 euros.

A asociación Virxe do Carme, Soamede de Protección da Natureza e defensa do medioambiente contará cun curso de cestería, tapicería e restauración de mobles; os veciños de Santiago de Sancovade, cun de manualidades; os de Ínsua e O Picouzo con cursos de cociña e os de Goiriz cun curso de conservas. O Concello tamén levará a Santaballa, a través da Asociación de Mulleres Rurais Agarimo, unha xornada de autoestima e valoración da muller; cando en Nete se desenvolverá un  taller de memoria para maiores.

A Casa Escola de Román acollerá bailes de salón, Tardade contará con clases de Pilates, Vilapedre e Distriz con ximnasia de mantemento, no caso das asociacións de mulleres San Bartolomeu de Ínsua e Santa María da Torre teñen concedido clases de Zumba e Pilates, respectivamente; cando esta última disciplina tamén se levará a Belesar da man da asociación de veciños.

Hoticultura ecolóxica será o tema do curso que se desenvolverá en Santaballa coa Asociación Cultural da Liga Santaballesa, mentres que a micoloxía será o tema central do curso concedido á asociación cultural Casa Escola de Bordelle e á asociación de veciños e cultural de Lanzós.O Santo acollerá un obradoiro de xardinería concedido á asociación cultural e deportiva de Árbol.

Finalmente, cursos de informática desenvolveranse na caseta da igrexa de Alba pola asociación veciñal e cultural Monte do Calvario e na Escola do Cordel coa asociación de veciños de Codesido.

 

0.21025395393372