O Concello de Vilalba instala un novo sistema de videovixilancia no punto limpo

TerraChaXa
O goberno local busca con esta medida "evitar condutas incívicas e que as persoas depositen residuos fóra das instalacións"
camaras-vixilancia-punto-limpo
20 sep 2024

O Concello de Vilalba finalizou a instalación de tres novas cámaras de videovixilancia nas instalacións do punto limpo municipal, localizado no Polígono Sete Pontes.

Desta forma, o goberno local pretende "evitar condutas incívicas e que as persoas depositen residuos fóra das instalacións, o que ocasiona unha contaminación dos nosos espazos e notables incidencias no traballo diario do persoal do punto limpo", explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Así mesmo, coa instalación das novas cámaras de videovixilancia dende o Concello de Vilalba buscan paliar os roubos recorrentes producidos nas últimas datas, de tal forma que os dispositivos de vixilancia cubriran tanto o perímetro interno das instalacións como a área mínima de acceso á entrada do punto limpo, tal e como establece a normativa.

Pola súa banda, dende o Concello de Vilalba lembran que o horario de atención ao público do punto limpo municipal é de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00. Ademais, o rural vilalbés conta co servizo do punto limpo móbil, que se despraza cada semana a unha parroquia distinta para que os veciños e veciñas poidan depositar os seus residuos e que se suma á recollida de plásticos que se realiza cada tres meses nos puntos de almacenamento establecidos en cada unha das parroquias.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Esta inversión no punto limpo municipal súmase ás melloras acometidas no pasado mes de xaneiro para optimizar a xestión interna dos residuos e mellorar a eficiencia operativa, a sostibilidade, e a seguridade dos usuarios e usuarias.

En concreto leváronse a cabo unha serie de modificacións que supuxeron a compra e a colocación de 5 colectores de almacenamento de residuos perigosos, 2 colectores para o depósito de residuos téxtiles e 4 gaiolas destinadas ao almacenamento de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).

Así mesmo, tamén se procedeu á ampliación da zona específica para o almacenamento de RAEE dunha superficie de 24 metros cadrados para optimizar o uso do Punto Limpo, procedendo ademais á impermeabilización desa superficie e da caseta xa existente, é dicir, unha área total impermeabilizada de aproximadamente 75 metros cadrados.

0.09812593460083