O Concello de Vilalba intégrase na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acaba de asinar coa alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, o acordo de adhesión deste concello lucense á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
A Axencia é un ente de colaboración entre a Xunta e os concellos para velar pola legalidade urbanística, a protección e ordenación do territorio e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.
A través do acordo asinado, o Concello de Vilalba delega á APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas en solo rústico ou non urbanizable, así como en solo urbanizable ou apto para urbanizar mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento e en núcleos rurais delimitados no planeamento municipal.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística exercerá de xeito definitivo estas competencias de Vilalba ao día seguinte da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.
Neste momento son 94 os concellos que teñen as súas competencias neste eido delegadas na APLU, a meirande parte situados na provincia da Coruña (32), seguidos da de Ourense (29), Lugo (18) e Pontevedra (15).