O Concello de Vilalba leva a pleno o novo regulamento do comedor da EEI
O grupo de goberno do Concello de Vilalba levará ao pleno municipal de mañá, xoves 25 de marzo, o regulamento do comedor da Escola de Educación Infantil e a proposta de acordo sobre o establecemento do prezo público, co obxectivo de que o servizo entre en funcionamento este mesmo curso.
O Concello anunciou en 2020 a súa decisión de asumir a xestión do comedor, pero ata o de agora non puido facerse efectiva polo proceso administrativo, xa que estaba pendente a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia.
Despois de varios meses de xestións, “o expendiente está listo para que o servizo entre en funcionamento o antes posible”, asegura Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais de Vilalba. A Xunta financiará 2,50 euros de cada menú, correspondéndolle o resto ao concello. Os prezos variarán entre a gratuídade e os 4,50 euros, en función da renda familiar.
A proposta de acordo para o establecemento do prezo público recolle exactamente as mesmas escalas de renda e prezos que aplica a Xunta en todos os comedores escolares que xestiona, de xeito que os usuarios do comedor da Escola de Educación Infantil pagarán o mesmo prezo que nos comedores de calquera outro centro escolar.
Por outra parte, na sesión debatirase unha moción do grupo de goberno na que demanda á Xunta de Galicia un sistema de financiamento xusto para xestionar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
A Xunta leva 10 anos aportando a mesma cantidade para o servizo, a pesar de que o prezo por hora incrementouse unha media de cinco euros nesta década. As competencias son do goberno autonómico e, segundo recolle a lei, o seu traspaso ás entidades locais “deberá ir acompañado de transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o seu adecuado exercicio”.
No Caso do Concello de Vilalba, desde a última licitación do servizo, na que o prezo por hora pasou a ser de 15,26 euros, a aportación municipal incrementouse en más de 700.00 euros anuais.
Recentemente, a Xunta tivo “a xentileza” de incrementar o número de horas asignadas a Vilalba, ata as 189.912 horas anuais, pero co financiamento nos termos actuais é imposible que o Concello poida prestalas todas, repercutindo directamente sobre os cidadáns, que teñen que sufrir listas de espera.
“É unha competencia impropia que asumen os concellos e a situación é insostible para as finanzas municipais, consideramos que o servizo é unha prioridade para a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade, temos que ofrecer unhas condicións dignas aos traballadores e os usuarios”, engade Marta Rouco.