O Concello de Vilalba licita a compra dun lote de maquinaria agrícola

TerraChaXa
O contrato ten un orzamento base de licitación de 120.323 euros e o prazo está aberto
concello-vilalba-grande
Concello de Vilalba
21 Ago 2024

O Concello de Vilalba mantén aberto ata o próximo 2 de setembro o proceso de licitación dun contrato para a adquisición dun lote de maquinaria agrícola cun orzamento base de licitación do contrato de 120.323 euros.

En concreto, o contrato contempla a compra dun tractor tipo 4x4 usado, que servirá como soporte mecánico para unha trituradora multifunción nova, así como para outros apeiros que se poidan acoplar ao mesmo. Pola súa banda, a trituradora multifunción permitirá empregar o vehículo para traballos de limpeza de maleza e herbas cun ancho de traballo mínimo de 1,40 metros.

Ademais, o prego de prescricións técnicas do contrato tamén inclúe o subministro dunha plataforma elevadora usada cunha altura sobre o chan dun mínimo de 35 centímetros, un tractor corta céspede novo e unha biotrituradora nova.

Un lote total que ascende a un orzamento de máis de 120.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e que "complementa a inversión que fixo recentemente o Concello contratando unha brigada de 7 xardineiros para o mantemento dos nosos espazos verdes, tamén con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental", explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, a alcaldesa tamén salientou "a importancia de adquirir esta maquinaria e que os traballadores municipais dispoñan da mesma para que poidan realizar con maior facilidade e de forma máis eficaz algúns traballos que actualmente están externalizados".

0.12230801582336