O Concello de Vilalba logra unha subvención para a mellora do parque da rúa Emigración

TerraChaXa
O proxecto inclúe a instalación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude e a construción dun novo espazo
parque-rua-emigracion-vilalba
Parque da rúa Emigración de Vilalba
24 Maio 2024

A Concellería de Infraestruturas Urbanas do Concello de Vilalba vén de acadar a concesión dunha subvención por importe de 35.778,56 euros coa que, sumada á achega municipal de 15.333,67 euros, executará a renovación das instalacións do parque infantil localizado na Rúa da Emigración.

En concreto, trátase dunha axuda concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para acometer as obras cuxo proceso de licitación comezará nas vindeiras datas. Así pois, as labores supoñerán a colocación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude, así como a reparación e reinstalación dos xogos existentes, que se complementará co cambio de localización do mobiliario co que conta actualmente o parque infantil.

Deste xeito, a instalación adaptarase á nova estrutura prevista e facilitarase o acceso aos distintos xogos dos que disporán os nenos e nenas de Vilalba. Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco salientou que se trata dunha acometida “que busca proporcionar a máxima seguridade posible aos nenos e nenas no seu espazo de xogo, ademais de dinamizar o mesmo e proporcionar recursos adaptados ás necesidades dos máis pequenos”.

E para iso, o Concello de Vilalba procederá á demolición e retirada do actual pavimento amortecedor e ás soleiras de formigón que conforman a súa base, para logo instalar un novo pavimento de seguridade “con acabado de céspede artificial, que se integrará á perfección co aspecto visual das inmediacións do parque”, apuntou a rexedora vilalbesa.

Finalmente, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou que para reforzar a seguridade dos usuarios e usuarias "colocarase unha valla perimetral de madeira que deixará libre o actual acceso dende a rúa Nova Cazón, engadindo dúas novas entradas na rúa da Emigración e na rúa de Ribadeo mediante unhas soleiras de formigón".

PARTIDO POPULAR

O PP de Vilalba subliña “o compromiso do Goberno galego co noso concello e as necesidades dos vilalbeses e vilalbesas”. Así, os populares destacan o investimento de máis de 35.700 euros por parte da Xunta de Galicia para a renovación do parque infantil situado na rúa da Emigración.

Trátase dunha liña de axudas para creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais en concellos de menos de 30.000 habitantes.

Os populares poñen en valor “unha nova aportación para a mellora de infraestruturas en Vilalba” que demostra “a vontade de colaboración por parte do Goberno galego para sacar adiante proxectos que beneficien aos veciños e veciñas”.

A portavoz municipal, Sandra López, defende “a colaboración entre administracións en lugar da confrontación á que nos ten acostumados a alcaldesa. Os responsables públicos temos a obriga de construír, propoñer e solucionar”.

A popular agarda que “o bipartito realice unha correcta xestión desta axuda” e que non deixe perder este tipo de apoios. De feito, o ano pasado o goberno municipal renunciou expresamente a optar ás liñas 1 e 3 do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.

0.20137691497803