O Concello de Vilalba logra unha subvención para renovar a cuberta do pavillón

TerraChaXa
A alcaldesa manterá mañá en Santiago unha reunión co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete
23-xullo-vestiarios-pavillon-vilalba
23 Jul 2025

O Concello de Vilalba conseguiu unha nova subvención para continuar co proceso de renovación da cuberta do pavillón municipal, solucionando desta forma os problemas de filtracións de auga no inverno.

“Esta actuación, na cuberta da zona dos novos vestiarios, súmase ás obras que fixemos hai uns meses para renovar a cuberta na zona na que estaba máis deteriorada”, explica Marta Rouco.

A alcaldesa encargouse persoalmente de tramitar esta subvención, por un importe de 60.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética a través do Fondo de Cooperación Local. Ademais dos traballos na cuberta, instalarase un sistema de aerotermia nos vestiarios, “máis eficaz para quentar este espazo que os radiadores”.

Por outra parte, Rouco manterá mañá en Santiago unha reunión co secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, para pedir “a ampliación do pavillón e o novo alumeado para o estadio da Madalena, que xa solicitamos anteriormente”.

“O noso compromiso coas instalacións deportivas reflíctese en feitos e obras, financiadas grazas aos acordos que xestionamos con outras administracións e fondos municipais. No último ano, renovamos o céspede do estadio da Madalena, que conta tamén cunha nova estrutura para o control de acceso do público e venta de entradas, e a cuberta dun dos almacéns”, afirma a alcaldesa de Vilalba.

“No pavillón do CEIP Mato Vizoso, renovamos a pista, a cuberta dos vestiarios, instalamos unha bomba de calor por aerotermia, e cambiamos as fiestras e as luminarias”, engade, “e no pavillón do CEIP Insua Bermúdez tamén actuamos na cuberta, fixemos a limpeza e reparación da fachada co selado de gretas, tarefas de pintado e a substitución do termo de auga quente de 200 litros por unha bomba de calor de 1.000 litros”.

⚙ Configurar cookies
0.15515804290771