O Concello de Vilalba multará con 250 euros por non recoller os excrementos dos cans

TerraChaXa
O Concello de Vilalba aprobou en pleno unha modificación parcial da Ordenanza Xeral de Protección do Medio Ambiente Urbano, que inclúe novas normas que afectan á recollida dos excrementos dos animais.
excrementos cans vilalba
6 Out 2023

O Concello de Vilalba aprobou en pleno unha modificación parcial da Ordenanza Xeral de Protección do Medio Ambiente Urbano, que inclúe novas normas que afectan á recollida dos excrementos dos animais.

Luis Fernández, concelleiro de Medio Ambiente, sostén que “o último obxectivo é sancionar, ogallá non sexan necesarias as multas, pero debemos concienciarnos sobre a necesidade de vivir nun concello limpo, ordenado e sostible”.

O texto lembra que “a persoa que leva o animal está obrigada a recoller e retirar os excrementos e á limpeza da parte da vía pública afectada, polo que deberá levar obrigatoriamente unhas bolsas para a recollida e limpeza das feces e unha botella con produto desinfectante-desodorizante para minimizar os efectos das miccións dos cans”.

Ademais, os donos deberán procurar que os ouriños non se produzan sobre o mobiliario urbano, edificios e vehículos, tentando que se realicen xunto aos bordos das beirarrúas e o máis próximo posible aos sumidoiros ou a zonas que non sexan de xogo ou tránsito de peóns.

Non recoller os excrementos suporá unha sanción de 250 euros, e haberá tamén sancións de 150 euros se non se mostran, a requerimento da Policía Local, as bolsas para a recollida ou a botella desinfectante para minimizar o efecto das miccións.

A ordenanza prohíbe tamén alimentar a animais vagabundos ou extraviados sen contar con autorización municipal (500 euros) ou exhibir animais de compañía destinados á venda en escaparates ou a modo de reclamo comercial, tamén con sancións de 500 euros.

0.18680191040039