O Concello de Vilalba pide unha subvención para acondicionar tres rúas do polígono
O goberno local solicita á Consellería de Economía, Emprego e Industria unha subvención para o reforzo de firme e sinalización nas rúas do Castiñeiro, Salgueiro e Acivro no parque empresarial Sete Pontes de Vilalba. O anteproxecto presentado ten un custe total de 149.977,33 euros, do que pedirán á Xunta sufragar o 80%, equivalente a 119.981,86, facéndose cargo a entidade local do restante.
Debido á intensidade e á tipoloxía do tráfico que sofren a diario as vías do polígono, o deterioro é manifesto, “especialmente nestas rúas que pertencen á primeira fase da construción do parque, sendo tamén as principais vías de acceso”, salientou o concelleiro Luis Fernández, poñendo de relevo a necesidade de “acometer actuacións de mellora nas zonas máis antigas do polígono, e tamén as máis utilizadas”.
O anteproxecto contempla un reforzo do firme de rodadura estendendo unha nova capa, con un espesor medio de 5 cm, en toda a superficie do vial a base de aglomerado en quente. Con esta actuación eliminaríanse as deformacións e asentamentos do firme actual e ampliaríase a vida útil de todo o firme ao impermeabilizar a súa superficie.
No que atinxe á sinalización, no anteproxecto indícase a pintada de vías lonxitudinais nos bordes e centro da calzada, indicando as zonas de aparcamento permitido, frechas, pasos de peóns, etc. Ademais, tamén se reporían as sinais de STOP, ceda ao paso ou límites de velocidade.