O Concello de Vilalba planea varias obras ata final de ano

TerraChaXa
A alcaldesa xestionou convenios con outras administracións para reparar a cuberta da Casa da Cultura, melloras no saneamento, contar co novo PAI ou continuar coa rexeneración de pistas
visita-carballido-obras-vilalba
24 Jul 2025

O Concello de Vilalba manterá ata finais de ano o seu impulso inversor, con obras e actuacións para mellorar a vida dos veciños nas parroquias e o casco urbano.

A alcaldesa, Marta Rouco, xestionou persoalmente “acordos de colaboración con outras administracións e a consecución de subvencións que nos permiten acometer proxectos importantes, sempre co obxectivo de mellorar os servizos e infraestruturas públicas de Vilalba”.

Entre as obras que se realizarán nos próximos meses, destaca a renovación da cuberta da Casa da Cultura, cun investimento de 140.000 euros. Un proxecto que conta co apoio da Deputación de Lugo e que busca solucionar as filtracións de auga e mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Tamén rematarán as obras do novo Punto de Atención á Infancia (PAI) e avanzará a reforma da Casa do Concello, cun investimento de 1.153.605,42 euros, dos cales o 80% procede do PIREP local (Goberno central).

Desde a Concellería de Infraestruturas Urbanas, levarase a cabo a creación dun sistema de sombra na avenida da Terra Chá, con plataformas elevadas, árbores autóctonas e bancos de madeira.

Acometerase por outra parte a mellora do pavimento na rúa do Rego e continuarán os traballos de rexeneración de pistas no rural por parte do equipo móbil da Deputación de Lugo, grazas á colaboración lograda dende a Alcaldía co presidente provincial, José Tomé. “Un acordo que permitiunos sumar ata agora preto de 15 quilómetros de pistas do noso rural rexeneradas”, lembra Rouco.

Outra actuación servirá para a instalación de decantadores lamelares e filtros nas ETAP de San Simón e Cañotas. “Unha obra incluida no convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba, dando resposta a unha demanda veciñal para reducir os episodios de turbidez na auga potable”, explica a alcaldesa.

Por outra parte, o Concello acadou dúas subvencións por importe de 204.012 euros para dous proxectos de mellora das dotacións públicas no polígono industrial: o reforzo do firme e sinalización nas rúas do Castiñeiro, Salgueiro e Acivro, e unha actuación de eficiencia enerxética do alumeado público por un importe de 84.012 euros.

No pavillón municipal, o concello conseguiu outra subvención de 60.000 euros para continuar coa renovación da cuberta.

⚙ Configurar cookies
0.20202398300171