O Concello de Vilalba entregará o sábado os premios do Deporte
O Concello de Vilalba celebrará este sábado 25 de xaneiro a súa tradicional Gala do Deporte, que chega á súa cuarta edición mantendo os cambios do ano pasado, cando se celebrou en xaneiro para fomentar a participación na mesma.
A cita será no Auditorio Carmen Estévez, ás 20.00 horas con entrada de balde.
Así, o concello xa fixo pública a lista de candidatos que se englobarán en dez categorías mellor deportista, mellor deportista promesa, mellor club, mellor equipo, mellor adestrador ou adestradora, mellor labor de promoción do deporte base e mellor deportista con discapacidade. Ademais tamén recibirán un premio á traxectoria deportiva, á labor informativa e ao mellor evento deportivo.
Como en anos precedentes haberá cinco mencións especiais que serán para Juan José Pereira Vázquez a título póstumo; Belén Bouza Chao e Ivan Sangiao na disciplina de taekwondo, así como a xuíza olímpica de piragüismo Marta Felpeto e o padriño da gala, que será Vicente Celeiro Leal.
Gala do Deporte é unha iniciativa coa que a área de Deporte pretende recoñecer aos deportistas, clubs ou entidades vilalbesas polo seu labor a favor do fomento e promoción do deporte no municipio e para a súa determinación a comisión técnica ten valorado os méritos deportivos entre o 1 de xullo do 2018 e o 30 de xuño deste 2019 dos deportistas e clubs que teñen presentado as súas candidaturas.
Ao remate do acto, a comunidade deportiva vilalbesa reunirase no restaurante Montero de Vilalba para participar nun xantar de confraternidade a partir das 22.00 horas.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse de forma presencial na oficina de deportes ou ben no correo deportes@vilalba.es (indicando nome e apelidos, idade, teléfono e no seu caso club/entidade a que representa), tendo de prazo ata o 21 de xaneiro. O menú de adulto ten un prezo de 22 euros e de 12 para os nados no 2006 en adiante.
O Concello anunciou tamén os correspondentes premios aos deportistas destacados 18/19 que corresponderon a Uxía Rodríguez García, na modalidade de taekwondo, que recibirá mil euros. Desta mesma especialidade Fernando Pico Da Costa recibirá 300 euros.
Na modalidade de loita destacouse a Carlos Yobanni García Sarita con 700 euros, Ramón Monasterio Portela con 500 e Oussama Lahnin con 400 euros. Finalmente Sara Basanta Paz, en triatlón recibirá cen euros.
Consulta neste enlace a listaxe cos candidatos.