O Concello de Vilalba presenta a nova edición do Entroido

TerraChaXa
O importe dos premios superará os 4.
entroido vilalba cartaz presentacion
29 Xan 2024

O importe dos premios superará os 4.500 euros que se repartirán en cinco categorías entre as que se atopa, como novidade, a de grupos.

O Concello de Vilalba vén de presentar a programación da nova edición do Entroido que chegará ás rúas da vila o vindeiro martes 13 de febreiro a partir das 16.30 horas, na que o importe dos premios superará os 4.500 euros.  

En concreto, serán cinco as categorías entre as que se repartirán os galardóns: individual infantil, individual adultos, parella ou trío, comparsas e grupos. Sendo esta última, unha novidade que o goberno local inclúe “como resposta ás peticións da veciñanza e dos participantes, que suxeriron a opción de diferenciar grupos de comparsas”, explicou a concelleira de Xuventude e Infancia, Paula Vigo.  

Nesta liña, na categoría de grupos poderán inscribirse aqueles participantes cuxo grupo supere os tres integrantes e estea por debaixo dos once, que optarán a tres premios por un importe de 300, 200 ou 100 euros en función do posto acadado.  

Pola súa banda, para inscribirse como comparsa será preciso agrupar como mínimo a once participantes e neste caso haberá cinco postos no podio entre os que se repartirán case 2.000 euros: 700 para o primeiro premio, 500 para o segundo, 400 para o terceiro, 200 para o cuarto e 100 para o quinto.  

Ademais, tamén para as comparsas haberá un bote de 1.000 euros a repartir entre todas as participantes que non resulten gañadoras, “para aportar unha axuda ao custe da confección e materialización dos disfraces”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen apuntou tamén que “ninguén quedará coas mans baleiras porque todos e todas os participantes poderán gozar dunha saborosa merenda”.  

“Dende o goberno local animamos a todos e todas a participar para que a nosa vila se engalane nunha data tan única como o Entroido, rodeada de tradición e cultura” sinalou Paula Vigo, cuxa dirección de correo electrónico (paula.vigo@vilalba.es) será a vía para que os participantes poidan inscribirse antes do luns 12 de febreiro ás 14.00 horas. Sendo preciso sinalar na mensaxe a denominación do disfrace, o nome do participante ou do representante do grupo/comparsa, a categoría na que se participa e o número de integrantes que a conforman. 

0.1506929397583