O Concello de Vilalba presenta actividades infantís co Grupo Entrepinares

TerraChaXa
O acordo de colaboración entre o Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares inclúe actividades infantís nas Festas Patronais, no Samaín e no Nadal
Concello-de-Vilalba-acordo-Grupo-Entrepinares
6 Aug 2024

Desde a Alcaldía de Vilalba presentouse un acordo de colaboración entre o Concello e a Concellería Infancia e Xuventude e o Grupo Entrepinares para promocionar diversas actividades lúdicas e recreativas das que se van beneficiar os veciños de Vilalba e da comarca, e pensadas para o público infantil.

A Casa da Cultura foi o epicentro da presentación na que interviñeron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, o Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines e o director da fábrica en Vilalba, Javier Gato.

O acordo consiste en patrocinar os Días Infantís das festas do San Ramón e Santa María os días 3 e 4 de setembro, así como formar parte da programación de Samaín e parte da programación do Nadal.

Así, os días infantís das Festas Patronais de Vilalba incluirán un día con inchables, toro mecánico e actividades de simulación, e un segundo día con actividades acuáticas e festa da escuma. Ademais, durante ámbalas dúas xornadas, Entrepinares aportará o seu novo lanzamento, un snaking de queixo destinado principalmente ao consumo infantil e que se fabrica integramente na localidade.

"Queremos que os nenos teñan un maior número de días dedicados a eles nas festas patronais, así como van contar cun rincón onde lles imos deixar probar este novo produto que se fabrica en Vilalba, un queixo perfecto", sostivo a rexedora.

Pola súa parte, a colaboración seguirá na festa do Samaín, na que haberá o tradicional concurso de cabazas decoradas e o túnel de terror, así como ambientación e distintos inchables.

Finalmente, a programación de Nadal na que colabora o Grupo Entrepinares, incluirá a visita de Papá Noel, postos con flocos de millo e algodón de azucre e inchables para os nenos para pasar unha tarde divertida. A maiores, haberá actividades para os nenos do rural, como lasertag e outras.

O conselleiro delegado do Grupo Entrepinares, José Manuel García, dixo que para eles a colaboración “é un activo importante” para a empresa. Así, explicou que levan colaborando co Concello en diversas actividades "para xerar máis valor para o Concello", e este ano a proposta está enfocada en "apoiar á xuventude e aos nenos da comarca" porque "nos parecen moi interesantes as actividades, xa que é bo para o concello e para os traballadores que participan tamén delas".

Entrepinares pretende “destacar pola calidade dos seus produtos e polo seu compromiso coas tradicións e celebracións que fortalecen os lazos sociais e culturais entre os veciños”. Segundo as súas palabras, “este acordo é unha mostra de agradecemento pola confianza e o apoio recibido ao longo destes anos, e reafirma a nosa vocación de ser unha empresa que contribúe activamente ao benestar da sociedade vilalbesa”.

0.15353608131409