O Concello de Vilalba prohibe o estacionamento de camións no aparcadoiro do centro de saúde
O tenente de alcalde e responsable de Mobilidade do Concello de Vilalba, Modesto Renda, anunciou unha nova medida, relativa á necesaria regulación do estacionamento no centro urbano.
Trátase dunha decisión, que chega logo de recibir a Área de Mobilidade innumerables queixas por parte de residentes da rúa Benxamín Paz e contorna e dos usuarios do centro de saúde en base ao, cada vez máis frecuente, estacionamento de camións nos terreos que confirman o Aparcadoiro Municipal do propio centro médico.
É por isto que, a partires deste venres, quedará terminantemente prohibido o estacionamento de vehículos de grande tonelaxe en toda a explanada, co fin de que unicamente dea o servizo para o que este aparcadoiro público foi concibido, isto é: para que os usuarios do Centro de Saúde e os veciños e veciñas residentes estacionen os seus turismos.
Con todo, o tenente de alcalde avanzou xa que nos vindeiros días o Concello habilitará dúas zonas de aparcamento público, exclusivo para camións e vehículos de alto tonelaxe no Polígono Industrial e deixou claro que a vontade da Área de Mobilidade é só limitar o aparcamento de camións en zonas moi concretas e que contan con alternativas moi próximas, como é este caso.