O Concello de Vilalba recibe ás cadetes do Club AP San Ramón polo seu ascenso
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibiron ás integrantes do equipo cadete feminino do Club de Triatlón AP San Ramón de Vilalba, que veñen de alcanzar un meritorio ascenso á Primeira División na Liga Talento de Tríatlon.
Sara Basanta, Nerea Guerra, Mariña Esmorís, Eugenia Vérez e Andrea Vivero son as cinco integrantes que conforman o equipo cadete feminino do club de triatlón vilalbés e que se situaron esta tempada no segundo posto da Segunda División, o que lles permitiu dar o salto á Primeira.
Ademais das cinco rapazas, tamén foron protagonistas da recepción os seus compañeiros, que participaron con elas nas competicións por relevos e que as acompañaron tamén na visita ao Concello; arroupadas ademais por outros integrantes do club, o adestrador e as súas familias.
"É un orgullo para nós ver crecer aos clubs da nosa vila e poder felicitalos en cada un dos seus logros" sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que cualificou o equipo cadete feminino de tríatlon como "un auténtico exemplo de esforzo e dedicación ao deporte, pois estamos a falar dunha disciplina moi esixente na que estas rapazas veñen de demostrar que son grandes promesas".
Para amosarlles a súa admiración e o recoñecemento ao recente logro acadado, a alcaldesa, Marta Rouco e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, agasallaron ás protagonistas co recoñecemento oficial da institución local, un pin co escudo do Concello de Vilalba. Ademais, a rexedora aproveitou para transmitirlles persoalmente a súa admiración e felicitacións, ao igual que a concelleira Paula Vigo.
Finalmente, Rouco lembrou que "nos últimos meses recibimos a varios deportistas de distintas disciplinas no noso Concello para felicitalos polos seus logros, o que amosa as grandes promesas que temos no noso municipio e o compromiso co deporte da veciñanza vilalbesa".