O Concello de Vilalba recibe ás xogadoras da selección absoluta de fútbol sala feminino

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibiron onte ao equipo da selección absoluta de fútbol sala feminino, que disputa o primeiro dos dous partidos en Galicia este martes.
No encontro aproveitaron para coñecer as primeiras impresións das xogadoras sobre a vila e desexarlles moitos éxitos na preparación como no Mundial de Filipinas 2025.
Ademais, o Concello de Vilalba agasallou ás xogadoras cun bufón San Simón, un roscón de Vilalba e un colgante de Sargadelos.
O partido disputarase hoxe ás 19:30 horas no pavillón municipal de Vilalba e enfrontará á selección española coa selección portuguesa, dous referentes internacionais nesta disciplina.
A cita será aberta ao público e retransmitirase a través da canle Teledeporte, convertendo a Vilalba nun punto de encontro para afeccionados e afeccionadas ao deporte de toda a contorna.
Para este evento o Concello de Vilalba presta á Federación Galega de Fútbol tanto un apoio económico como a cesión das instalacións municipais, que acollerán os adestramentos e o propio partido durante a estadía das seleccións española e portuguesa.