O Concello de Vilalba reforma a seguridade viaria coa implantación do programa Appolo

TerraChaXa
Ten como obxectivo favorecer unha xestión máis áxil e eficiente da circulación e do estacionamento en zonas clave da vila
aparcadoiro-subterraneo-vilalba
16 Dec 2025

O Concello de Vilalba porá en marcha a partir do vindeiro 2 de xaneiro o programa Appolo, unha ferramenta tecnolóxica que permitirá facilitar e modernizar o traballo diario da Policía Local, ao tempo que reforza a seguridade viaria e cidadá no municipio.

Vilalba é un dos 40 concellos de Galicia que se adhiren a este sistema, integrándose no denominado cordón de seguridade policial, unha rede que mellora a coordinación entre administracións e corpos de seguridade, en especial coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

O programa Appolo permite integrar e xestionar cámaras de tráfico, controis de acceso e saída de aparcadoiros públicos e sistemas de videovixilancia. Ademais, constitúe unha completa aplicación de xestión policial, a través da cal organizar os cuadrantes de persoal, planificar tarefas e intervencións ou recibir e xestionar comunicacións de emerxencias procedentes do 112.

Un dos principais avances deste sistema é que, ademais das cámaras fixas instaladas na rúa da Pravia e o aparcadoiro subterráneo, os axentes da Policía Local disporán do programa Appolo nas tablets que empregarán no seu traballo diario.

A través da cámara destes dispositivos poderán realizar as mesmas funcións que as cámaras de videovixilancia: lectura automática de matrículas, control do tempo de estacionamento e comprobación de que os vehículos conten coa documentación en vigor, como seguro ou ITV, entre outras.

No caso da rúa da Pravia, as cámaras funcionarán mediante lector automático de matrículas. No aparcadoiro subterráneo, ademais desta función, o sistema estará programado para realizar comprobacións periódicas, permitindo detectar vehículos que superen o tempo máximo de estacionamento autorizado.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “a implantación deste sistema supón un paso adiante na modernización dos servizos municipais e no apoio ao labor da Policía Local, dotándoa de ferramentas máis áxiles e eficaces”. Rouco subliñou tamén que “formar parte do cordón de seguridade policial reforza a capacidade de coordinación e contribúe a facer de Vilalba unha vila máis segura, tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan”.

Así mesmo, a rexedora quixo insistir en que “trátase dunha medida pensada para mellorar a seguridade e a eficiencia do servizo público, garantindo sempre o cumprimento da normativa vixente”.
Nas zonas onde se aplique esta vixilancia reforzada colocaranse sinais informativas de áreas videovixiladas, co obxectivo de garantir a transparencia e o coñecemento por parte da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.075011968612671