O Concello de Vilalba reforza a plantilla da Policía Local con catro novos auxiliares
O Concello de Vilalba reforza a plantilla da Policía Local con catro novos auxiliares, consciente das necesidades existentes pala tempada de verán e o actual contexto da crise de coronavirus.
Con estas catro novas incorporacións, que estarán nun principio durante catro meses no concello, a Policía Local de Vilalba contará con 15 efectivos este mes de agosto, unhas semanas de moito movemento polas vacacións e pola necesidade de cumprir todos os protocolos e recomendacións sanitarias.
“Contar con máis axentes de Policía da unha maior seguridade á veciñanza e permítenos cubrir as necesidades durante o verán”, afirma Marta Rouco, concelleira de Réxime Interno.
O Concello de Vilalba ten un convenio de colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública, que forma aos novos e novas axentes de Policía Local antes de incorporarse aos concellos que os demandan.
Ademais das súas funcións habituais, a Policía Local ten agora tamén a tarefa de informar e controlar o cumprimento das medidas de prevención para evitar rebrotes polo coronavirus.