O Concello de Vilalba regula a colocación de propaganda electoral
O Concello de Vilalba vén de anunciar que regulará a instalación de cartelaría no casco urbano cun total de catro paneis para a propaganda dos partidos políticos de cara aos vindeiros comicios electorais. Colocaranse en catro puntos distintos da vila: na Rúa da Pravia, xunto á Praza da Constitución; na entrada de Vilalba pola Rúa Cidade de Lugo; na Rúa do Calvario, xunto ao parque do cemiterio; e na Rúa Nevado Bouza, onde se atopa o parque da escola infantil.
Con esta medida, o goberno local persegue o obxectivo de “evitar sucidade nas nosas rúas en cada cita electoral” camiñando cara “unha ordenación dos nosos espazos respectuosa co medio ambiente”, subliña o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón.
Neste sentido, desde o Concello xa se ten notificado á Xunta Electoral esta decisión, adecuándose aos prazos establecidos pola Lei Electoral. Finalmente, desde o goberno local esperan que este sistema “que levamos pedindo xa moitos anos” conte coa aceptación “por parte de todos de cara ao ben común”.