O Concello de Vilalba remata a obra de mellora do punto limpo
O Concello de Vilalba ven de concluír as actuacións de mellora das instalacións do Punto Limpo municipal coas que se pretende optimizar a xestión interna dos residuos e mellorar a eficiencia operativa, a sostibilidade, e a seguridade dos usuarios e usuarias.
Ditas modificacións supuxeron a compra e colocación de 5 colectores de almacenamento de residuos perigosos, 2 colectores para o depósito de residuos téxtiles e 4 gaiolas destinadas ao almacenamento de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).
Así mesmo, tamén se procedeu á ampliación da zona específica para o almacenamento de RAEE dunha superficie de 24 metros cadrados para optimizar o uso do Punto Limpo, procedendo ademais á impermeabilización desa superficie e da caseta xa existente, é dicir, unha área total impermeabilizada de aproximadamente 75 metros cadrados. Todo isto coa
finalidade de asegurar o cumprimento da normativa da superficie dedicada ao almacenamento dos residuos eléctricos e electrónicos.
Con ditas actuacións o Concello de Vilalba "confirma o seu compromiso coa sostibilidade e o medio ambiente, imprescindible para o desenvolvemento humano e social do noso municipio" sinalou o concelleiro de calidade ambiental, Ignacio Criado.
Igualmente, dende o goberno local consideran que se trata dunhas acometidas realizadas "coa finalidade de facilitar o acceso e a organización dos residuos, permitir a correcta separación dos materiais e previr calquera posible contaminación que se puidera producir" segundo explicou Ignacio.