O Concello de Vilalba renovará a rúa Guitiriz
O Concello de Vilalba xa ten listo o proxecto das obras para a renovación de beirarrúas, repavimentación e sinalización do tramo bidireccional da Rúa Guitiriz, no núcleo urbán.
“Trátas dunha zona de moito tráfico de vehículos e tránsito peonil debido á proximidade da praza da Constitución e do centro de saúde, polo que esta actuación é moi necesaria”, explica a alcaldesa, Marta Rouco. O proxecto, cun investimento aproximado de 50.000 euros, irá pola vía de urxencia ao pleno de hoxe.
A actuación inclúe a renovación de beirarrúas, da rede de alumeado e do pavimento da calzada. O paso de peóns existente pasará a ser sobreelevado para así facilitar o tránsito peonil.
Incrementarase a anchura das beirarrúas nos extremos da zona destinada a aparcamento na marxe esquerda da vía, delimitando así o espazo de aparcadoiro e colocando dúas sobreiras que permitan mellorar a estética da rúa, sen afectar ó tráfico.
Por último, colocaranse sinais verticais e procederase ó repintado das marcas viais existentes, principalmente pasos de peóns, liñas lonxitudinais de delimitación do eixe e cada carril de circulación ou as zonas de aparcamento.
A rúa Guitiriz comeza á altura do número 23 dunha das principais rúas da vila, a avenida Terra Chá, discorrendo en dirección nordés e sentido único ata o encontro coa rúa Benxamín Paz. Dende ese punto, a rúa pasa a ser bidireccional ata o encontro coas rúas Emigración, Ribadeo e Abadín, tramo no que se realizarán as obras.