O Concello de Vilalba renovará a vía de acceso ao barrio do Coto cun investimento de 26.800 euros

O tenente de alcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou en Mourence que o Concello acometerá a renovación integral da vía de acceso ao barrio do Coto, unha actuación moi demandada pola veciñanza da parroquia. Trátase dun proxecto no que o Concello viña traballando desde hai meses a través da área de Infraestruturas Rurais.
O anuncio realizouse durante unha reunión moi concorrida coa veciñanza, na que Renda explicou os detalles dunha obra que contará cun orzamento total de 26.800 euros. A actuación incluirá a apertura de cunetas, a renovación das tubaxes de drenaxe e a colocación de nova sinalización vertical, co obxectivo de mellorar a seguridade e o estado xeral da vía.
Desde o Concello destacan que esta intervención permitirá dar resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas do Coto, mellorando as condicións de acceso ao barrio e reforzando o compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no rural.