O Concello de Vilalba renovará o vial de acceso á escola de Román
O Concello de Vilalba anuncia os traballos de acondicionamento da vía de titularidade municipal que comunica a escola de Román coa estrada provincial LU-P-6504, nas parroquias de Román e Árbol.
O vial ten unha lonxitude completa de máis de 11 quilómetros e supón o principal enlace entre diversos núcleos de poboación das parroquias polas que discorre, Sancovade, Goiriz, Román e Árbol. Ademais, a vía é tamén a principal forma de comunicación en dirección ao casco urbano de Vilalba.
Dende o punto de comezo do vial, no núcleo urbán de Vilalba ata a zona de acceso ó CEIP Terra Chá, na parroquia de Román, a pavimentación é recente, cun firme en bo estado. Porén, desde ese punto e ata o entronque coa LU-P-6504, o pavimento mostra sinais evidentes de desgaste. Este deterioro débese ao paso do tempo, sumado ás condicións meteorolóxicas da zona e á densidade de tráfico lixeiro e pesado que soporta.
Dada a situación deste tramo do vial, dende o Concello de Vilalba proponse para a súa mellora a limpeza de noiros, a regularización da superficie e a execución dunha nova capa de firme aglomerado. Por último, tamén se procederá á súa sinalización horizontal e vertical.
Os traballos de acondicionamento deste vial contan cun orzamento de 122.926.07 euros e o seu prazo de execución é dun mes.
O Concello de Vilalba pretende con esta obra rematar a mellora dunha das principais vías de titularidade municipal. A mellora do pavimento permitirá á veciñanza destas parroquias a comunicación entre o núcleo urbán de Vilalba e a estrada provincial LU-P-6504.