O Concello de Vilalba renovará os camiños de accesos a dous barrios en Belesar
O Concello de Vilalba renovará dúas estradas de titularidade municipal que dan acceso aos núcleos de Len e Penarredonda, na parroquia de Belesar.
En concreto, os traballos incluirán a apertura e limpeza de noiros, drenaxe, rexeneración do firme e sinalización dos viais. O orzamento das obras é de 43.538,27 euros.
Estas dúas estradas municipais comunican vías de maior relevancia e capacidade coas vivendas dos veciños da parroquia de Belesar. Teñen polo tanto unha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria en dirección ás domicilios particulares, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.
O continuo uso ó que se viron sometidos estes dous viais, así como as condicións meteorolóxicas e o paso do tempo, causaron que os noiros das estradas se saturen de terra vexetal, provocando que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada e xerando danos sobre a capa de rodadura.
As obras consistirán na limpeza de noiros e tubaxes de todo tipo; a mellora do drenaxe mediante a colocación de tubaxes adicionais; o recargo e nivelación das capas base, mediante zahorra, macadam ou gravillón onde sexa preciso; a pavimentación mediante dobre ou triple rego asfáltico en toda a superficie, e a sinalización vertical das interseccións.
“O Concello de Vilalba executa de maneira continuada obras de conservación, mantemento e mellora destes viais de titularidade municipal, dando resposta ademais ás demandas veciñais”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.