O Concello de Vilalba reparte máscaras para toda a súa veciñanza

TerraChaXa
O Concello de Vilalba está a entragar máscaras a todos os veciños e veciñas do termo municipal.
94108655_1794070600730168_4997013699492315136_n
20 Abr 2020

O Concello de Vilalba está a entragar máscaras a todos os veciños e veciñas do termo municipal. As distribucións e entregas realízanse por parte do persoal do Concello e dalgunhas persoas voluntarias en todos os domicilios do casco urbano e parroquias, e comezou o domingo, ás 10 horas. Este reparto casa a casa garantirá que todas as persoas dispoñan de máscaras hixiénicas a empregar en caso de necesidade, saír á rúa para facer a compra, ir á farmacia, a unha cita médica, etc.

O goberno local fixo un pedido de 14.500 máscaras “que acaban de chegar e que poñemos a disposición de cada un dos nosos veciños”, confirmou o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. A dilatación no tempo do Estado de Alarma “incentivou que comezaramos a solicitar máscaras desde o Concello, que xunto coas recibidas pola Delegación territorial da Xunta e a Subdelegación de Goberno, facilitaron a dotación de material de protección ás nosas traballadoras e traballadores que seguen expostos” subliñou Pavón, engandindo que “tamén fixemos algunha doazón ao SAF e ao centro de saúde, e entregáronse desde este luns a algunhas persoas de risco e traballadores da vila que volveron a abrir as portas dos seus negocios”.

Nesta liña, o seguinte paso “foi atender ás demandas de toda a poboación de Vilalba, tanto do urbano como das parroquias, co fin de contribuír na protección de toda a veciñanza de Vilalba”.

O traballo de distribución e entrega de máscafras nunha poboación “moi dispersa” farase a través de empregados municipais e “persoas que colaborarán no rural para repartir polas casas nos vindeiros días”, como Protección Civil.

Desde o Concello agardan que se faga un uso responsable do material que se entrega de balde e piden que “sigan nos seus fogares respectando as normas e indicacións establecidas polas autoridades sanitarias”, poñendo de relevo que “para calquera dúbida poden chamar ao Concello, trataremos de dar resposta ás súas necesidades tal e como fixemos desde o primeiro momento”.

0.19455695152283