O Concello de Vilalba repartirá 351.000 euros en 71 axudas a colectivos
O Concello de Vilalba anunciou que este ano contará cun total de 351.600 euros que se repartirán en 71 subvencións nominativas a distintas entidades municipais de diversa índole.
A listaxe das axudas darase a coñecer oficialmente durante o Pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro luns 25, a partir das 16.00 horas, de forma telemática.
O reparto das axudas realízase de forma diferente segundo a sú achegada. Así, a que maior contía leva será a fundación Hospital Asilo, con 90.000 euros, mentres que a segunda, de 50.000 euros, irá para a fundación Vilalba Terra Chá, que xestiona o centro ocupacional de persoas con discapacidade.
Figuran tamén outras partidas, como a de 36.000 euros, que se repartirán en 30 subvencións de 1.200 euros cada unha, que se entregarán ás comisións de festas de todas as parroquias do municipio. Destacan tamén as axudas a tres asociacións de veciños, con proxectos para acometer traballos de mellora en varios edificios das súas parroquias.
Neste último capítulo, Tardade recibirá 8.000 euros para realizar obras de rehabilitación na escola habaneira; a de Carballido contará con 15.000 euros para reformar a súa sede da casa escola, e a de Santaballa terá outros 15.000 euros para continuar recuperando a casa reitoral.
Ademais, as Anpas da Escola de Educación Infantil (EEI) e os colexios Mato Vizoso e Insua Bermúdez recibirán 3.300 euros cada unha para favorecer a conciliación familiar a través do programa de madrugadores, que este curso empezaron a xestionar estas agrupacións.
O apartado deportivo do municipio tamén ten unha presenza importante, xa que 18 clubs recibirán 78.200 euros, sendo a subvención máis alta a concedida ao Rácing Vilalbés, de 30.000 euros.