O Concello de Vilalba saca a poxa seis parcelas municipais no Polígono Industrial

TerraChaXa
En conxunto suman 7.028 metros cadrados de superficie edificable, e o prezo mínimo de saída fixouse en 48,80 euros por metro cadrado
visita-poligono-sete-pontes-vilalba-estradas
30 Oct 2025

O responsable de Desenvolvemento Industrial e vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou a saída á venda das seis parcelas de titularidade municipal situadas no Polígono Industrial da localidade. O proceso, que se realizará mediante subasta pública, ten como obxectivo facilitar a instalación de novas empresas e impulsar a actividade económica no municipio.

Acompañado polo presidente da Asociación de Empresarios de Vilalba, Renda explicou os detalles do novo procedemento impulsado polo Concello. “Queremos dar todas as facilidades posibles ás empresas para que se instalen en Vilalba; por iso animamos ás persoas emprendedoras e aos autónomos interesados a presentar as súas ofertas e poñer a producir dunha vez estes 7.000 metros cadrados de chan industrial”, declarou o tenente de alcalde.

As seis parcelas suman en conxunto 7.028 metros cadrados de superficie edificable, e o prezo mínimo de saída fixouse en 48,80 euros por metro cadrado máis IVE, segundo a taxación recollida no expediente municipal e conforme o artigo 77 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. As ofertas deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, é dicir, ata o 1 de decembro de 2025.

Renda detallou que a parcela de maior tamaño conta con 1.052 metros cadrados, mentres que as dúas máis pequenas dispoñen de 860,80 metros cadrados. O Concello non adxudicará ningunha parcela por un importe inferior ao prezo de saída, ao ter este carácter de mínimo.

En canto ás condicións da venda, o adquirente estará obrigado a edificar e a implantar a actividade prevista na memoria presentada, contando con todos os permisos e licenzas no prazo máximo de tres anos. Ademais, deberá manter en funcionamento a actividade durante un período mínimo establecido nas bases, como medida de garantía fronte á especulación.

O Concello poderá autorizar, non obstante, o cese ou cambio da actividade antes de rematar ese prazo, sempre que se acrediten causas xustificadas.

Segundo salientou Modesto Renda, esta iniciativa “é unha nova mostra do compromiso do Goberno local co desenvolvemento industrial e o emprego, e busca que o polígono de Vilalba siga medrando como motor económico da comarca”.

⚙ Configurar cookies
0.065843820571899