O Concello de Vilalba solicitará a titularidade da estrada de acceso a Trastoi para a súa remodelación
O tenente de alcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou que o Concello vén de tomar a iniciativa para arranxar o vial de acceso ó barrio de Trastoi, na parroquia de Santaballa.
Tal e como explicou, a vontade do Concello de rexenerar ao completo a vía "é total" e así se lle vai trasladar ós veciños/as. Mais a limitación que hai actualmente para actuar ten que ver coa cuestión da titularidade, pois esta é autonómica en preto dun terzo da vía.
Esta situación anómala, parte da época na que as obras da autovía (de titularidade autonómica) AG-64 levaron á Xunta de Galicia a expropiar parte da vía para a construción da ponte, "sen que posteriormente Concello e Xunta o regularizaran a fin de efectuar o necesario mantemento".
É por isto que, pola vía dun informe técnico encargado pola área de Urbanismo, o Concello tomou a decisión de solicitar formalmente á Xunta a titularidade deste tramo, "a fin de poder actuar o máis axiña posible sobre a vía no seu conxunto e dar así cumprimento á demandas dos veciños/as dun dos barrios máis poboados da parroquia".