O Concello de Vilalba supervisa o estado de limpeza e peches dos solares urbanos

TerraChaXa
Os titulares das parcelas dispoñen de 15 días naturais para proceder á adecuación das mesmas, expoñéndose a multas de ata 400 euros
sarria-maleza-desbroce
8 Jul 2025

O Concello de Vilalba vén de iniciar o proceso de comunicación aos propietarios de solares urbanos que incumpren a ordenanza xeral de protección do medio ambiente urbano ao non manter limpas e pechadas as súas parcelas.

Logo de realizar unha revisión xeral dos solares urbanos que non foron liberados de vexetación antes do 30 de xuño, data límite establecida, o Concello de Vilalba comezou o envío de requirimentos para que os propietarios de solares urbanos procedan á súa limpeza e peche, naqueles casos nos que as parcelas non conten co cercado correspondente.

Nesa liña, as persoas notificadas dispoñen de 15 días naturais para levar a cabo os traballos necesarios; sendo preciso acreditar a realización dos mesmos mediante unha comunicación por instancia xeral na que se axunten as fotografías que amosan a adecuación dos solares á ordenanza xeral de protección de medio ambiente.

“Desde o Concello apelamos á responsabilidade dos propietarios para que manteñan os seus solares en condicións adecuadas, cumprindo a normativa vixente. É unha cuestión de limpeza, salubridade e tamén de respecto á contorna urbana e aos veciños”, afirmou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Así mesmo, Rouco quixo “poñer en valor a quen cumpre coa normativa e mantén os seus solares limpos e pechados, porque o seu compromiso contribúe directamente a unha mellor imaxe e benestar do noso municipio”.

Naqueles casos nos que pasados os 15 días naturais dende a recepción da primeira comunicación non se realizaran as actuacións requiridas, o Concello de Vilalba iniciará a tramitación do procedemento sancionador tal e como establece o artigo 45 da ordenanza xeral de protección do medio ambiente urbano.

Así, os propietarios de solares que non atendan o primeiro requirimento, expóñense a unha sanción de 9,02 euros por metro lineal no primeiro requirimento e de 18,03 no segundo para o suposto de incumprimento da obriga de peche de solares.

Pola súa banda, para o incumprimento dos deberes de limpeza a sanción será de 200 euros no primeiro requirimento e de 400 no segundo, á que se sumará unha multa coercitiva cada semana ata lograr o total cumprimento da limpeza da parcela.

⚙ Configurar cookies
0.17059087753296