O Concello de Vilalba suspende as festas e impón medidas restrictivas

TerraChaXa
O Concello de Vilalba vén de establecer unha serie de medidas restrictivas seguindo a liña da Orde publicada pola Xunta de Galicia na procura da prevención respecto da pandemia da covid-19, con restricións e recomendacións.
18 Ago 2020

O Concello de Vilalba vén de establecer unha serie de medidas restrictivas seguindo a liña da Orde publicada pola Xunta de Galicia na procura da prevención respecto da pandemia da covid-19, con restricións e recomendacións.

O Concello de Vilalba traslada esta decisión "co principal obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e previr calquera risco que se poda orixinar en espazos compartidos por un número elevado de persoas, sendo coñecedores dos brotes en concellos da comarca e limítrofes e seguindo o criterio de prudencia".

Unha das primeiras medidas é a de suspender todos os eventos e celebracións culturais, deportivas e de lecer organizadas polo Concello, incluídos os concertos de San Ramón. "Neste punto, salientar que estaban programados concertos como apoio ao sector cultural, incluídos grupos locais e propostas adaptadas de orquestra en formatos de aforo limitado, con cadeiras separadas e todas as medidas de seguridade. Estudaremos outras datas e formatos para seguir apoiando ao sector". O concerto xa anunciado de Ses adiarase, pasando a realizarse no Auditorio Municipal.

Ademais, incrementarán a vixilancia no casco urbano e na zona da Área Recreativa da Madalena para impedir agrupamentos que non cumpran a normativa, "sancionando se é preciso".

Así mesmo, suspenderanse as actividades, ensaios ou similares nas instalacións municipais. Para a realización de reunións, deberase solicitar por rexistro e estarán limitadas a 10 persoas, tal e como establece a Orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade.

O Concello lembra "a obriga do distanciamento social/interpersoal nos establecementos de hostalería, o uso da máscara, e a nova esixencia en virtude do disposto na Orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade", debendo pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso a ningún cliente dende as 00:00 horas. Os establecementos de lecer nocturno deberán permanecer pechados.

Explica o Concello que as citadas restricións e medidas de prevención serán aplicables mentres non resulten modificadas polo órgano competente da Xunta de Galicia, "podendo non obstante, ser revisadas en calquera momento, atendendo á evolución da situación epidemiolóxica".

"Agradecemos á veciñanza a súa comprensión, e lembramos a importancia do respecto ás normas", conclúen.

0.094757795333862