O Concello de Vilalba tamén suprime o pago de diversos tributos municipais polo estado de alarma
O goberno municipal de Vilalba non cobrará as taxas correspondentes á Escola Infantil, Piscina municipal e Escolas Deportivas e de Teatro durante o período de excepcionalidade no que nos atopamos por mor do estado de alarma. Deste xeito, o Concello reintegrará aos usuarios e usuarias destes servizos o importe correspondente pola non utilización destes servizos debido ao peche das instalacións municipais hai máis dunha semana pola pandemia do Covid-19.
Polo tanto, procederase á suspensión do cobro das cotas mensuais e á devolución da parte proporcional do mes de marzo por servizos non prestados. No caso das escolas municipais, cunha cota anual, reintegrarase a parte equivalente ao tempo de vixencia do estado de alarma.
Por outra banda, o goberno está a estudar un paquete de medidas de carácter económico “para beneficio de vilalbesas e vilalbeses nestes tempos que saberemos van ser duros de afrontar”, afirmou o edil de Economía e Facenda, Luis Fernández. Prevese neste senso suprimir o cobro do mínimo de recollida de lixo e auga aos locais que tiveron a obriga de pechar desde a entrada en vigor do Decreto 8/2020. Ademais, o executivo local porá sobre a mesa a modificación excepcional de ordenanzas fiscais, suprimindo o cobro da solicitude de licencia de obra para particulares, comerciantes e empresarios/as, así como a taxa de cambio de titularidade de locais comerciais, establecementos, etc.
Asemade, farase unha bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) nas obras menores do 100%, e nas obras maiores axustarase dependendo do importe da mesma. “Estudaremos polo miúdo estas medidas e outras como o imposto de plusvalía, accións pensadas para o beneficio do conxunto dos vilalbeses e vilalbesas nesta situación difícil para todos, cun futuro incerto no que o Concello está posicionándose desde o primeiro momento do lado dos que o precisan” destacou Fernández.