O Concello de Vilalba ten listo o primeiro inventario de camiños municipais
O Concello de Vilalba xa ten listo o seu primeiro inventario de camiños municipais e levará o documento ao pleno da próxima semana para a súa aprobación.
O goberno local destaca a importancia deste proxecto, dado que non existía con anterioridade un inventario completo das vías do municipio.
O documento, con máis de 2.800 camiños, aportará unha maior seguridade xurídica á veciñanza, cunha aclaración precisa sobre que vías son de titularidade pública e cales privadas.
Tras a súa aprobación no pleno, o concello abrirá e anunciará un período de dous meses para a consulta pública e as alegacións por parte dos veciños. Instalarase un visor na web municipal para poder ver online o inventario.
O concello remata desta maneira un intenso traballo que incluíu reunións cos veciños e veciñas de todas as parroquias, co obxectivo de aclarar dúbidas sobre a titularidade dos camiños.
O inventario recolle a impresión de planos, fichas individuais de cada un dos bens inventariados e un listado de todos os camiños (aclarando se son de titularidade municipal, da Deputación ou doutras administracións).
“O inventario será fundamental para acometer no futuro actuacións como arranxo de vías e desbroces, eliminando as dúbidas sobre a titularidade dos camiños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
“Non será lóxicamente un documento pechado, poderán facerse modificacións co paso do tempo se cambian as circunstancias dos viais”, engade Fernández.