O Concello de Vilalba ultima un plan de apoio ás familias inxectando 420.000 euros a pemes e autónomos
O goberno de Vilalba vén de presentar unha proposta de plan de apoio ás familias e aos sectores económicos do Concello co fin de protexer o interese xeral da veciñanza dando soporte ao tecido produtivo, tanto a persoas autónomas, microempresas, como pequena e mediana empresa. A posta en marcha deste plan suporía inxectar un total de 420.000 euros aos distintos sectores económicos do noso termo municipal a través de bonos de 30 euros a todas as persoas rexistradas no padrón.
Desde as concellerías de Economía e Servizos Sociais poñen de relevo “a necesidade de reactivar a economía e minimizar o impacto derivado da crise do COVID-19”, analizando que a mellor das opcións pasa por “pensar en todas as vilalbesas e vilalbeses que viron mermado o seu poder adquisitivo ou que se atopan nunha situación difícil de afrontar”. Ademais, na vontade do equipo de goberno socialista está contribuír coas empresas e autónomos para facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, así como o mantemento da súa actividade e dos postos de traballo logo da redución drástica dos seus ingresos.
O plan que será levado a pleno para a súa aprobación podería poñerse en funcionamento no mes de setembro, “un mes delicado para moitas familias”. Segundo aseguran desde o goberno, “en épocas de crises económicas débese incentivar o consumo”, de xeito que o gasto da veciñanza redunde no comercio, así como en todos os establecementos e empresas que traballan en Vilalba, a excepción das compras en cadenas comerciais, casas de apostas ou similares, non financiándose tampouco a compra de alcohol nin tabaco.
Polo tanto, cada persoa empadroada en Vilalba, do total dos 14.072 habitantes, recibirá un bono de 30 euros (previa solicitude) para gastar na adquisición de bens, servizos profesionais e consumos que precisen, agás os membros da Corporación Municipal. Este consumo beneficia directamente ás familias e, por suposto, a todo o tecido empresarial da localidade.
Os bonos non poderían ser fraccionados, polo que cada bono só deberá ser utilizado nun único establecemento, sempre que o gasto mínimo sexa de 30 euros. “Habilitaríamos un sistema sinxelo para solicitalos, non queremos caer nunha burocratización innecesaria nestes momentos, que impediría que isto se puxese en marcha o antes posible”.
O equipo de goberno tendeu a man no anterior pleno de xuño para a realización dunha Comisión cos distintos grupos políticos para poñer sobre a mesa esta proposta, “ofrecemento que foi negado”. Non obstante, agardan levar a pleno este plan no mes de xullo para que poda poñerse en funcionamento canto antes, “tanto as familias como os sectores económicos precisan de nós e debemos atender ás súas necesidades deixando a un lado as discrepancias”, conclúen.